... Ir a: Exercicios sobre o artigo Ir a:  Curso de lingua galega ····· Hª do galego ····· Exercicios de morfosintaxe ····· Exercicios de ortografía ····· Exercicios de léxico ...

Curso de L. Galega

Gramática

Historia da lingua

Ir a: Exercicios sobre o artigo
Ir a:   Curso de lingua galega ····· Hª do galego ····· Exercicios de morfosintaxe ····· Exercicios de ortografía ····· Exercicios de léxico 

  A Normativa oficial do galego (na wikipedia galega) 


Un artigo é unha palabra que determina a un substantivo e nos indica o seu xénero (masculino ou feminino) e o seu número (singular ou plural).

Amosamos os artigos nos seguintes cadros:

Os artigos definidos
  singular plural
masculino o os
feminino a as
Os artigos indefinidos
  singular plural
masculino un uns
feminino unha unhas

A segunda forma do artigo

Para determinados casos, que se enumeran a seguir, pódese empregar na escrita a chamada "segunda forma do artigo" (lo, la, los, las) despois de certas palabras:

  • mais, e mais: Xosé e mailo seu curmán
  • por: ando pola rúa; fun polo camiño
  • tras: hai un val tralo outeiro
  • todos, todas: tódolos homes son iguais; xogo con tódolos nenos
  • ambos, ambas: ámbolos sobriños son dun tempo
  • entrambos, entrambas: fixérono entrámbalas dúas

En certos casos é obrigatorio separar o artigo e a palabra precedente cun guión:

  • u: u-la moza?; u-los rapaces?
  • formas verbais rematadas en -r ou -s agás participios: onte fun come-lo raxo; ve-lo mar dende a túa casa?
  • pronomes persoais átonos nos, vos e lles cando van enclíticos (unidos ao verbo en posición final): déronlle-lo material aos traballadores; déuno-lo permiso para nos marchar de alí; arranxéivo-lo computador hai dúas horas
  • pronomes persoais tónicos nós e vós cando van seguidos dun numeral: xa imos nó-los dous; vó-las dúas sodes coma irmás

Hai que ter en conta que cando todos/todas e ambos/ambas van diante dun nome é obrigatorio o artigo: Venden pantalóns de todas as (tódalas) clases / ambas as (ámbalas) parellas foron premiadas

A segunda forma do artigo só é de uso obrigatorio na escrita despois da preposición por (vai polo carreiro) e do adverbio u (u-lo libro?). En calquera caso, hai que ter en conta que a pronunciación oral recomendada é sempre a da segunda forma do artigo.

Contraccións

Os artigos definidos contraen con a, de, en, con, por e ca:

  o a os as
a ao (ó) á aos (ós) ás
de do da dos das
en no na nos nas
con co coa cos coas
por polo pola polos polas
ca cós cás

Os artigos indefinidos contraen con de, en e con do seguinte xeito:

  un unha uns unhas
de dun dunha duns dunhas
en nun nunha nuns nunhas
con cun cunha cuns cunhas

Vexamos algúns exemplos:

  • Vou ao cine
  • Estou coa miña nai
  • Ela saíu da cociña
  • Camiño pola rúa
  • Xa estou na casa
  • Eses coches son dunhas mulleres de Vigo
  • Manolo marchou cuns amigos
  • Vou saír nun intre
  • Tes que collelo cun garfo

As contraccións do artigo con de e en mantéñense en todos os casos, mesmo con nomes de lugar que comezan por artigo. Así, escribiremos: Vivo na Coruña aínda que son do Barco. A solución "Vivo n'A Coruña aínda que son d'O Barco" é tamén posíbel.

No caso das contraccións de a con o (ao-ó) ou con os (aos-ós), sexa cal for a empregada na escrita, a única pronunciación correcta é [ɔ],[ɔs] (con o aberto).

Cómpre ter en conta

Cando todos/todas e ambos/ambas van diante dun nome é obrigatorio o artigo:

  • Vou comer algo de todos os (tódolos) xeitos
  • Podes mercar peixe en todas as (tódalas) partes
  • Vimos a ambos os (ámbolos) avós

Cando todos/todas van diante dun numeral cardinal non é obrigatorio o artigo, pero pódese empregar:

  • Todos (tódolos) tres traballaron para arranxar a dínamo

Con frecuencia os nomes propios en galego son precedidos por artigo sen que isto traia consigo un uso pexorativo (despectivo).

É común emprega-lo artigo con:

  • Os nomes de pía: a Maruxa, o Xoel, o Xacobe,... A Carme marchou a misa coa Maruxa.
  • Os apelidos: o Ferrón, o Tato,...
  • Os hipocorísticos: o Pancho, a Lola,...
  • Os alcumes: o Carrapito, o Milhomes,...
  • Algúns topónimos, hidrónimos,...: A Estrada, O Limia, O Salnés,...

Ir a:   Curso de lingua galega ····· Hª do galego ····· Exercicios de morfosintaxe ····· Exercicios de ortografía ····· Exercicios de léxico 

  A Normativa oficial do galego (na wikipedia galega) 
Ir a: Exercicios sobre o artigo





  Go to top  

This article is issued from web site Wikibooks. The original article may be a bit shortened or modified. Some links may have been modified. The text is licensed under "Creative Commons - Attribution - Sharealike" [1] and some of the text can also be licensed under the terms of the "GNU Free Documentation License" [2]. Additional terms may apply for the media files. By using this site, you agree to our Legal pages [3] [4] [5] [6] [7]. Web links: [1] [2]