... ...
Galilibro
PERÍFRASES

VERBAIS

Concepto
Locución verbal
Críticas
Problemas
As perífrases galegas
Bibliografía

Perífrase verbal versus locución verbal

Definimos as locucións verbais como aquel conxunto de palabras que, sendo cando menos unha un verbo, están tan estreitísimamente vencelladas que sintacticamente o conxunto resultante no eixo sintagmático non é xamais segmentable, e constitúe todo el o núcleo verbal do predicado.

Considerando a anterior definición xa se poden albiscar algunhas das diferencias fundamentais entre perífrase verbal e locución verbal:

  1. Na locución o engadido ó verbo pode ser outro verbo ou calquera outro elemento gramatical (darémosllo a entender ás túas inimizades ante teredes en conta as medidas do xastre)
  2. Na locución non hai ningunha posibilidade de segmentación sintáctica, toda ela constitúe o núcleo verbal do predicado, mentres que na perífrase sempre se pode proceder á segmentación do verbo auxiliar e do auxiliado, sendo o auxiliar o que concorda co suxeito e porta as nocións gramaticais, e sendo o auxiliado o que achega o significado léxico e como indicamos no apartado anterior, interrelaciona semanticamente con suxeito e complementos.
  3. As perífrases, ademais de segmentables, permiten a conmutación do verbo auxiliado por calquera elemento con significado diferente da súa mesma clase de palabra. É o fenómeno denominado conmutación léxica1, o cal nas locucións non é posible.
  4. Na locución o significado é novo: Non soen aparecer nin o significado do verbo nin o do engadido (que pode ser outro verbo). Ademais non existen modificacións aspectuais, nin modais, nin temporais, nin estilísticas por parte de verbo auxiliar ningún. Véxase a diferencia entre botar a perder algo que significa ‘estragar’ e botarse a chorar (mantense o significado léxico de ‘chorar’).
  5. O primeiro verbo (de haber dous) é nas locucións o que selecciona o suxeito e os complementos, nas perífrases, como vimos no apartado anterior, é o segundo verbo.

Exemplos de locucións verbais: Dar por sentado, dar por suposto, botarse de ver, botar a perder, dar a coñecer, dar a entender, dar que falar,...



1. Á conmutación léxica opónselle a conmutación estructural consistente en substituír unha palabra ou secuencia por outras que sendo equivalentes funcionalmente pertencen a outra categoría gramatical (por exemplo: un sintagma preposicional substituído por un adverbio).





  Go to top  

This article is issued from web site Wikibooks. The original article may be a bit shortened or modified. Some links may have been modified. The text is licensed under "Creative Commons - Attribution - Sharealike" [1] and some of the text can also be licensed under the terms of the "GNU Free Documentation License" [2]. Additional terms may apply for the media files. By using this site, you agree to our Legal pages [3] [4] [5] [6] [7]. Web links: [1] [2]