peregrinaxe a Santiago de Compostela ... nxunto de vías de acceso de peregrinos a Santiago, creado a partir da descuberta dos supostos restos do Apóstolo no lugar do Libredón, en Santiago de Compostela, durante o reinado de Afonso II. O C...

Camiño de Santiago
Camiños de Santiago
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
País España
TipoCultural
CriteriosII, IV, VI
Inscrición1993 (17ª sesión)
Rexión da UNESCOEuropa e América do Norte
Identificador669

O Camiño de Santiago (en latín: Peregrinatio Compostellana) é un conxunto de vías de acceso de peregrinos a Santiago, creado a partir da descuberta dos supostos restos do Apóstolo no lugar do Libredón, en Santiago de Compostela, durante o reinado de Afonso II. O Camiño Francés e as rutas francesas do Camiño foron declarados pola Unesco Patrimonio da Humanidade en 1993 e 1998 respectivamente.[1] [2]

Vías

O Camiño ten varias vías alternativas en función da orixe do peregrino, de maior ou menor uso segundo as épocas e circunstancias do seu nacemento:

Cuncha de Santiago

Historia

Santiago Peregrino na catedral de Santiago, típica imaxe iconográfica de Santiago o Maior como peregrino

Pode ser explicado como o resultado da cristianización dun ancestral camiño pagán para ver morrer o sol no fin do mundo en Fisterra, pero a súa historia comeza co descubrimiento dos restos do Apóstolo Santiago.

No ano 813 tivo lugar o acontecemento relixioso máis importante da Europa cristiá medieval [Cómpre referencia], o descubrimento en Galiza, dunha arca cuns restos que foron atribuídos ao apóstolo. Segundo a tradición cristiá, nese ano o ermitán Paio albiscou nas inmediacións do castro Libredón (antiga Santiago de Compostela) unha estrela (posibelmente un fogo fatuo) sobre unha arca de mármore. Avisado o bispo de Iria Flavia, Teodomiro, este acudiu axiña ao lugar, identificando os restos atopados como o corpo decapitado do Apóstolo Santiago. Este "inventio" foi, a seguir, atendido polo monarca galego-ovetense, Afonso II (791-842), quen, tras peregrinar ao sartego no mesmo ano, ordenou edificar unha igrexa arredor da tumba "santa" e estableceu unha comunidade relixiosa permanente, espallando a nova por toda a cristiandade europea. O culto a Santiago esténdese por Galiza e Asturias. Afonso III o Magno, que peregrinou no 872 e volveu no 874 coa raíña Ximena, ordenou edificar unha nova basílica, que consagraron no ano 899 e é no seu reinado cando a peregrinación cara a Compostela chega ata os Pireneos. A Diocese de Iria e o seu titular convertéronse na máis poderosa administración eclesiástica non só da Gallaecia altomedieval, senón de toda a península ibérica, acrecentando o seu poder coas constantes doazóns por parte dos monarcas á igrexa compostelá.

No século X comezou a desenvolverse o camiño francés, coa chegada de peregrinos de Tours, Limoges e Le Puy, e mesmo a mediados do século chega en peregrinación o bispo de Le Puy, Gotescalco, un dos primeiros peregrinos de nome coñecido.

A comezos do século XI, Sancho III O Maior fixou o trazado definitivo do Camiño de Santiago, ao librar de incursións musulmás a zona comprendida entre os Pireneos e Nájera e aproveitar o trazado dunha antiga vía romana que substituíu o percorrido anterior que cruzaba Áraba. Tamén a el se lle debe a influencia cluniaciense por todo o camiño. Convertida no terceiro centro de peregrinación da Cristiandade —só despois de Xerusalén e Roma—, foi a partir do século XI e principalmente XII, cando desde numerosos puntos de Europa comecen a chegar peregrinos, ben desde Occitania, Francia, Navarra ou Aragón-Cataluña vía terrestre, ben desde as Illas Británicas, Escandinavia, ou Alemaña vía marítima. Afonso VI de León e Castela e Sancho Ramírez de Navarra, tamén no século XI, dotaron de infraestruturas as vilas polas que pasaba o camiño: construción de hospitais para os peregrinos, pontes, melloras no trazado viario, e favoreceu as repoboacións das cidades do camiño, en especial con francos e eximindo do pago dalgúns portádegos ós peregrinos.

A partir do século XVI, a peregrinación a Santiago comezou un importante declive, no que interviron as novas circunstancias políticas e relixiosas imperantes en Europa, especialmente a expansión da Reforma protestante a partir de 1517, coa que desapareceron os peregrinos procedentes de Inglaterra, Alemaña e Holanda. Noutra orde de cousas, a posibilidade de redimir as penas con diñeiro fai que desaparezan tamén os peregrinos que facían o Camiño por ese motivo, e xorde paralelamente un desprestixio da imaxe do peregrino, que comeza a verse como un desocupado que sobrevive das esmolas.

Tamén tivo que influír decisivamente o feito da desaparición das reliquias do Apóstolo en 1589, cando o arcebispo Juan de Sanclemente agochou o sepulcro como medida de cautela ante o inminente ataque do pirata Francis Drake. Por algunha razón, o lugar onde as pousou quedou en segredo e, co paso dos anos, as reliquias déronse por perdidas.

Ó irse reducindo o número de peregrinos e, con eles, as achegas económicas que puideran facer nas vilas que percorrían, os gobernantes da época deixaron de crear e manter camiños, pontes e hospitais, dado que a transcendencia económica e social do Camiño deixou de interesar. O declive foi continuo durante os séculos XVII e XVIII ata case desaparecer no XIX, século no que reapareceron os restos do Apóstolo, en 1879, e foron autentificados polo papa León XIII en 1884. Isto permitiu unha certa recuperación pero que non foi significativa ata que a mediados do século XX, iniciativas particulares, primeiro, e oficiais, despois, conseguiron revitalizar o Camiño ata o auxe que actualmente experimenta, especialmente desde 1993.

Recoñecementos

En 1931 decláranse monumentos nacionais algunhas das localidades principais que atravesaba o Camiño. En 1962 declárase Conxunto Histórico-Artístico. En 1971 declárase Ruta de Interese Turístico, e apróbanse as primeras subvencións para a construción de albergues. Tamén nese mesmo ano nace en Estella a primeira das hoxe numerosas Asociacións de Amigos do Camiño. A finais dos 70, o cura do Cebreiro Elías Valiña comezou un labor persoal de delimitar as rutas e sinalizar o Camiño coas frechas amarelas que hoxe guían ós peregrinos.

En 1982, Ano Santo, o papa Xoán Paulo II invita a tódolos católicos a peregrinar a Santiago e o Consello Europeo nomea o Camiño Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

En 1991 créase a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo 93, co obxectivo de organizar o Ano Santo de 1993. En 1999 volve constituírse, para organizar o Xacobeo dese ano, pero agora xa con carácter de perpetuidade, como empresa pública dependente da Xunta de Galiza destinada á promoción turístico-cultural e á dotación de servizos dos Camiños de Santiago.

Tamén en 1993 se produce a declaración da UNESCO do Camiño francés como Patrimonio da Humanidade, recoñecemento que se amplía en 1998 ás rutas francesas.

En 1996 publícase a Lei 3/1996, de 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago [3] , que por primeira vez recoñece as outras rutas e non só o Camiño Francés.

En 2001 créase o Plan Director dos Camiños de Santiago, co obxectivo de actualizar e fomentar os oito itinerarios históricos do Camiño en Galiza.

Influencia do Camiño no desenvolvemento de Santiago

O fenómeno xacobeo foi decisivo na conformación cultural-económica do reino de Galiza, debedor en gran medida ao auxe conseguido durante a titularidade de Diego Xelmírez (1100-1136) convertendo Compostela en sé metropolitana (ano 1122), a máis importante dignidade de todo Occidente despois de Roma. Arredor do sepulcro apostólico medrou non só unha catedral —centro artístico-relixioso de primeira magnitude— senón unha vila e posteriormente unha cidade, perfectamente establecida na Baixa Idade Media, cunha actividade comercial derivada da súa condición de cidade santa, onde se coroarían reis galegos, onde medraría a grande escola galego-portuguesa, e onde reside desde a Idade Media a capital de Galiza. Os estudos histórico-arqueolóxicos levados a cabo no século XX na propia catedral revelaron, non obstante, que desde época galaico-romana e sueva, Compostela fora un lugar relevante onde xa se soterraban importantes dignidades civís ou relixiosas moito antes do ano 813, o que motivou a diversos especialistas a defender que o corpo atribuído ao apóstolo Santiago fora en realidade o de Prisciliano, patriarca da igrexa galega, decapitado en Tréveris no ano 385.

Visitantes

Estatua en Pontevedra.

Datos dos visitantes dende 1985. En amarelo os Anos Santos:[4] [5]

ano1985-619871988198919901991199219931994
Peregrinos2.4912.9053.5015.7604.9187.2749.76499.43615.863
Dos cales o número de estranxeiros2.3912.1512.3302.7515.0934.183
ano1995199619971998199920002001200220032004
Peregrinos19.82123.21825.17930.126154.61355.00461.41868.95274.614179.944
Dos cales estranxeiros5.7576.7107.67112.17320.40319.92521.85427.35530.51843.873
ano200520062007200820092010
Peregrinos93.924100.377114.026125.141145.877272.135
Dos cales estranxeiros40.49648.16658.70064.02966.87084.046
ano201120122013201420152016
Peregrinos183.366192.488215.880237.882262.583278.224
Dos cales estranxeiros85.54497.213109.989124.258140.131153.828
50.000
100.000
150.000
200.000
250.000
300.000
1985-1986
1990
1995
2000
2005
2010
2015
  •   Peregrinos
  •   Peregrinos (Ano santo)

Galería de imaxes

Vexa o artigo principal en Galería de imaxes do Camiño de Santiago

Notas

  1. "Route of Santiago de Compostela" (en inglés). UNESCO Culture Sector. Consultado o 17 de febreiro de 2013. 
  2. "Routes of Santiago de Compostela in France" (en inglés). UNESCO Culture Sector. Consultado o 17 de febreiro de 2013. 
  3. DOG nº 101, de 23.05.1996.
  4. "Estadísticas". Oficina del Peregrino (en castelán). Consultado o 21 de abril de 2017. 
  5. "PEREGRINOS EN LOS ÚLTIMOS AÑOS". Archidiócesis Santiago de Compostela (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 21 de abril de 2017. 

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas





  Go to top  

This article is issued from web site Wikipedia. The original article may be a bit shortened or modified. Some links may have been modified. The text is licensed under "Creative Commons - Attribution - Sharealike" [1] and some of the text can also be licensed under the terms of the "GNU Free Documentation License" [2]. Additional terms may apply for the media files. By using this site, you agree to our Legal pages [3] [4] [5] [6] [7]. Web links: [1] [2]