... is setentrional dos catro países constituíntes que forman o Reino Unido. Xunto con Inglaterra e Gales, forma parte da illa de Gran Bretaña, e abrangue un terzo da súa superficie total. Ademais da...
article - Escocia

Escocia (en inglés: Scotland; en scots: Scotland; en escocés: Alba) é un país que forma parte do Reino Unido. É o máis setentrional dos catro países constituíntes que forman o Reino Unido. Xunto con Inglaterra e Gales, forma parte da illa de Gran Bretaña, e abrangue un terzo da súa superficie total. Ademais da parte de Escocia localizada na illa de Gran Bretaña, o territorio escocés consta de máis de 790 illas, incluíndo as Shetland, as Orcadas e as Hébridas. Limita ao norte e oeste co Océano Atlántico; ao leste co Mar do Norte, ao sur con Inglaterra e ao suroeste coa Canle do Norte e o Mar de Irlanda. O territorio escocés comprende 78.772 km2, e a súa poboación estímase en 5 116 900 habitantes, o que dá unha densidade de poboación de 65 habitantes por km2.

Edimburgo, a capital do país e segunda meirande cidade, é un dos centros financeiros de Europa. Edimburgo foi o centro da Ilustración escocesa do século XVIII, que transformou a Escocia nunha das potencias comerciais, intelectuais e industriais de Europa. Glasgow, a cidade máis grande, foi outrora unha das cidades industriais máis importantes do mundo e hoxe atópase no centro da aglomeración de Gran Glasgow. As augas territoriais escocesas abranguen unha parte importante do Atlántico Norte e do Mar do Norte, contendo unha das maiores reservas de petróleo da Unión Europea. Por este motivo, Aberdeen, a terceira cidade de Escocia, ten o título de capital europea do petróleo.

O Reino de Escocia foi un estado independente durante a Alta Idade Media, e continuou a súa existencia ata 1707. Nesa data produciuse unha unión persoal na que se asinaron as Actas de Unión con Inglaterra, para crear o 1 de maio de 1707 o Reino Unido da Gran Bretaña. A unión produciuse malia a oposición popular e as revoltas anti-unión en Edimburgo, Glasgow e noutras partes. O Reino Unido de Gran Bretaña entrou posteriormente noutra unión política co Reino de Irlanda, o 1 de xaneiro de 1801, para crear o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda.

O sistema legal escocés mantívose separado do de Inglaterra, Gales e Irlanda do Norte, polo que é considerada en dereito internacional como unha entidade xurídica distinta. A existencia de institucións legais, educativas e relixiosas distintas permitiron a supervivencia da cultura e da identidade nacional escocesa dende a Unión de 1707. En 1999 recuperou un poder lexislativo, o Parlamento de Escocia, grazas ó referendo de 1997, e volveu reunir a autoridade sobre moitas áreas dos asuntos de interior. En maio de 2011, o Scottish National Party (SNP, Partido Nacional de Escocia) gañou con ampla maioría as eleccións ó parlamento. Como resultado, celebrouse un referendo de independencia o 18 de setembro de 2014, que rexeitou a independencia por un 55% contra o 45%, e cunha participación do 85%.

Escocia é membro do Consello británico-irlandés, e da Asemblea parlamentaria británico-irlandesa, así como no acordo da Common Travel Area. Escocia é representada na Unión Europea e no Parlamento Europeo con seis MEPs.


  Next Page » More information about  

 Escocia  







  Next Page » More information about  

 Escocia  

This article is issued from web site Wikipedia. The original article may be a bit shortened or modified. Some links may have been modified. The text is licensed under "Creative Commons - Attribution - Sharealike" [1] and some of the text can also be licensed under the terms of the "GNU Free Documentation License" [2]. Additional terms may apply for the media files. By using this site, you agree to our Legal pages [3] [4] [5] [6] [7]. Web links: [1] [2]