... ...
article - Planta
Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Planta (homónimos).

As plantas (tamén chamadas nalgunhas clasificacións Viridiplantae ou plantas verdes) son organismos multicelulares eucariotas do reino Plantae. Forman un clado que inclúe as plantas con flor (anxiospermas), as coníferas e outras ximnospermas, fentos, licopodios, antocerotas, hepáticas, musgos e, nas clasificacións recentes, as algas verdes. Están excluídos das plantas as algas vermellas e pardas, os fungos, os animais, as arqueas e as bacterias.

Gromo de roseira.

As plantas verdes teñen paredes de celulosa e obteñen caracteristicamente a maioría da súa enerxía da luz por medio da fotosíntese, realizada en cloroplastos primarios, derivados da endosimbiose con cianobacterias. Os seus cloroplastos conteñen clorofilas a e b, o que lles dá a súa cor. Algunhas plantas parasitas perderon a súa capacidade de producir cantidades normais de clorofila ou de fotosintetizar. Son seres tipicamente autótrofos, xa que só necesitan absorber do seu medio substancias inorgánicas. As plantas tamén se caracterizan pola súa reprodución sexual, crecemento indeterminado modular, e pola alternancia de xeracións, aínda que a reprodución asexual é tamén común nelas.

O seu número preciso é difícil de determinar, pero unha estimación de 2010 falaba da existencia de entre 300.000 e 315.000 especies de plantas, das cales a grande maioría, unhas 260–290 mil, son plantas con sementes. As plantas verdes proporcionan a maior parte do oxíxeno molecular atmosférico e son a base da maioría dos ecosistemas da Terra, especialmente nos ambientes terrestres. As plantas que producen cereais, froitas e verduras constitúen o alimento básico da humanidade, e moitas especies foron domesticadas para uso agrícola durante milenios. As plantas utilízanse como ornamento e como fonte de medicinas, e as árbores proporcionaron a súa madeira, e outras plantas fibras téxtiles (algodón, liño).

Do estudo científico das plantas encárgase a botánica. Os nomes científicos da plantas seguen as normas do Código Internacional de Nomenclatura de algas, fungos e plantas e o Código Internacional de Nomenclatura de Plantas Cultivadas.


  Next Page » More information about  

 Plantae  







  Next Page » More information about  

 Plantae  

This article is issued from web site Wikipedia. The original article may be a bit shortened or modified. Some links may have been modified. The text is licensed under "Creative Commons - Attribution - Sharealike" [1] and some of the text can also be licensed under the terms of the "GNU Free Documentation License" [2]. Additional terms may apply for the media files. By using this site, you agree to our Legal pages [3] [4] [5] [6] [7]. Web links: [1] [2]