... ...
article - Planta vascular

As plantas vasculares son un grupo de plantas que abarca ao taxon das traqueófitas ou tracheobionta. Son organismos formados por células vexetais, que posúen un ciclo de vida no que se alternan as xeracións gametofítica e esporofítica, sendo esta última a fase dominante (sobre quen actúa máis presión de selección natural); cuxa fase esporofítica é fotosintética e independente, e ten tecidos e sistemas de órganos; está organizada nun "cormo" (sistema que posúe vástago aéreo, raíz subterránea e un sistema de condución vascular que os vencella) que é ao que comunmente se refire a xente cando di "planta"; cuxa fase gametofítica é reducida e pode ser desde un "talo" (corpo non organizado en tecidos nin órganos) en fieitos e afíns, até unhas poucas células protexidas e nutridas polo esporófito, en ximnospermas e anxiospermas. A selección natural dirixiu fortemente a evolución das traqueófitas cara a unha menor dependencia das condicións ambientais sobre a terra para a reprodución e a dispersión, característica que entra en evidencia ao comparar as traqueófitas máis antigas (Lycophyta) coas máis modernas (plantas con flores).

Ao longo da historia designouse a este grupo con distintos nomes, como cormófitas (nome científico Cormophyta ou Cormobionta), embriófitas sifonógamas (nome científico Embryophyta sifonogama) etc. O seu nome máis común, Tracheophyta, provén de tracheo (en referencia ás traqueidas, especializadas para o transporte de líquidos dentro da planta) e phyta, raíz de orixe grega que significa "planta".

A evidencia dos análises moleculares de ADN hoxe en día demostrou que as traqueófitas son un grupo monofilético (que comprende a todos os descendentes dun devanceiro común) dentro das embriófitas, mentres que as briófitas son parafiléticas con respecto ás traqueófitas. Isto quere dicir que probablemente as traqueófitas sexan descendentes de plantas moi semellantes aos briófitos, co gametófito sendo a fase dominante, e o esporófito sen ramificar e dependente nutricionalmente do gametófito.

Dentro das traqueófitas hai dúas liñaxes principais, Lycophyta e Euphyllophyta, diferenciadas principalmente pola forma de construción das súas follas (nas licófitas son lycofilos e nas eufilófitas son eufilos, os eufilos correspóndense aproximadamente cos megafilos, aínda que nalgúns grupos poden estar reducidos en forma secundaria á súa adquisición). As eufilofitas á súa vez comprenden dúas grandes liñaxes, Monilophyta (fieitos, equisetáceas e psilotáceas) e Spermatophyta, que se diferencian entre si porque o primeiro ten gametofitos de vida libre e o segundo tenos encerrados na semente e o gran de pole. á súa vez as espermatofitas están formadas por dous grandes grupos monofiléticos viventes, Gymnospermae e Angiospermae ou Magnoliophyta, que se diferencian entre si porque a primeira liñaxe ten as sementes á vista sobre a folla fértil, mentres que o segundo ten as sementes encerradas dentro das paredes da folla fértil ou carpelo.

Aínda se seguen estudando ás Lycophyta e Monilophyta como agrupadas no grupo parafilético dos "fieitos e afíns" ou Pteridophyta.

As traqueófitas son un grupo importante tanto por dominar a maior parte dos ecosistemas terrestres como por ser moi empregadas polo ser humano.


  Next Page » More information about  

 Tracheobionta  







  Next Page » More information about  

 Tracheobionta  

This article is issued from web site Wikipedia. The original article may be a bit shortened or modified. Some links may have been modified. The text is licensed under "Creative Commons - Attribution - Sharealike" [1] and some of the text can also be licensed under the terms of the "GNU Free Documentation License" [2]. Additional terms may apply for the media files. By using this site, you agree to our Legal pages [3] [4] [5] [6] [7]. Web links: [1] [2]