... ...



Constitución do Reino de España


  Aprobada polas Cortes en sesións plenarias do Congreso dos Deputados  
e do Senado celebradas o día 31 de outubro de 1978,
ratificada polo pobo español en referendo do 6 do mesmo ano
e sancionada polo rei ante as Cortes o día 27 de decembro de 1978.
 


Índice

 

Título V: Das relacións entre o Goberno e as Cortes Xerais

Artigo 108

O Goberno responde solidariamente da súa xestión política perante o Congreso dos Deputados.

Artigo 109

As cámaras e as súas comisións poderán solicitar, por medio dos presidentes daquelas, a información e axuda que precisen do Goberno e dos seus departamentos e de calquera autoridade do Estado e das comunidades autónomas.

Artigo 110

  1. As cámaras e as súas comisións poden reclama-la presencia dos membros do Goberno.
  2. Os membros do Goberno teñen acceso ás sesións das cámaras e ás súas comisións e a facultade de se faceren oír nelas e poderán solicitar que informen perante aquelas funcionarios dos seus departamentos.

Artigo 111

  1. O Goberno e cada un dos seus membros están sometidos ás interpelacións e preguntas que lles formulen nas cámaras. Para esta clase de debate os regulamentos establecerán un tempo mínimo semanal.
  2. Toda interpelación poderá dar lugar a unha moción na que a cámara manifeste a súa posición.

Artigo 112

O presidente do Goberno, logo de deliberación do Consello de Ministros, pode formular perante o Congreso dos Deputados a cuestión de confianza sobre o seu programa ou sobre unha declaración de política xeral. A confianza entenderase outorgada cando vote a favor dela a maioría simple dos deputados.

Artigo 113

  1. O Congreso dos Deputados pode esixi-la responsabilidade política do Goberno mediante a adopción por maioría absoluta da moción de censura.
  2. A moción de censura deberá ser proposta cando menos pola décima parte dos deputados, e terá que incluír un candidato á Presidencia do Goberno.
  3. A moción de censura non poderá ser votada en tanto non transcorran cinco días dende a súa presentación. Nos dous primeiros días do devandito prazo poderán presentarse mocións alternativas.
  4. Se a moción de censura non fose aprobada polo Congreso, os seus signatarios non poderán presentar outra durante o mesmo período de sesións.

Artigo 114

  1. Se o Congreso lle nega a súa confianza ó Goberno, este presentaralle a súa dimisión ó rei e a seguir procederase á designación de presidente do Goberno, segundo o disposto no artigo 99.
  2. Se o Congreso adopta unha moción de censura, o Goberno presentaralle a súa dimisión ó rei e o candidato incluído naquela entenderase investido da confianza da cámara para os efectos previstos no artigo 99. O rei nomearao presidente do Goberno.

Artigo 115

  1. O presidente do Goberno, logo de deliberación do Consello de Ministros, e baixo a súa exclusiva responsabilidade, poderá propoñe-la disolución do Congreso, do Senado ou das Cortes Xerais, que será decretada polo rei. O decreto de disolución fixará a data das eleccións.
  2. A proposta de disolución non poderá presentarse cando estea en trámite unha moción de censura.
  3. Non procederá nova disolución antes de que transcorra un ano dende a anterior, agás o disposto no artigo 99, apartado 5.

Artigo 116

  1. Unha lei orgánica regulará os estados de alarma, de excepción e de sitio, e as competencias e limitacións correspondentes.
  2. O estado de alarma será declarado polo Goberno mediante decreto acordado en Consello de Ministros por un prazo máximo de quince días, dándolle conta ó Congreso dos Deputados, reunido inmediatamente para o efecto; sen a autorización deste non poderá ser prorrogado o citado prazo. O decreto determinará o ámbito territorial a que se estenden os efectos da declaración.
  3. O estado de excepción será declarado polo Goberno mediante decreto acordado en Consello de Ministros logo de autorización do Congreso dos Deputados. A autorización e proclamación do estado de excepción deberá determinar expresamente os seus efectos, o ámbito territorial a que se estende e a súa duración, que non poderá exceder de trinta días, prorrogables por outro prazo igual, cos mesmos requisitos.
  4. O estado de sitio será declarado pola maioría absoluta do Congreso dos Deputados, por proposta exclusiva do Goberno. O Congreso determinará o seu ámbito territorial, duración e condicións.
  5. Non poderá procederse á disolución do Congreso mentres estean declarados algúns dos estados comprendidos no presente artigo, quedando automaticamente convocadas as cámaras de non estaren en período de sesións. O seu funcionamento, así como o dos demais poderes constitucionais do Estado, non poderán interromperse durante a vixencia destes estados. Disolto o Congreso ou expirado o seu mandato, de se producir algunha das situacións que dan lugar a calquera dos citados estados, as competencias do Congreso serán asumidas pola súa Deputación Permanente.
  6. A declaración dos estados de alarma, de excepción e de sitio non modificarán o principio de responsabilidade do Goberno e dos seus axentes recoñecidos na Constitución e nas leis.




  Go to top  

This article is issued from web site Wikisource. The original article may be a bit shortened or modified. Some links may have been modified. The text is licensed under "Creative Commons - Attribution - Sharealike" [1] and some of the text can also be licensed under the terms of the "GNU Free Documentation License" [2]. Additional terms may apply for the media files. By using this site, you agree to our Legal pages [3] [4] [5] [6] [7]. Web links: [1] [2]